martes, 27 de octubre de 2015

Reflexión sobre o Marco Instrumental da Orientación Laboral

O módulo 3 do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral estruturouse en 5 temas. Neles detalláronse conceptos como intermediación, itinerarios de inserción, entrevistas de orientación, toma de decisións, análise de perfís profesionais, prospección e elaboración do plan de empresa. Todo eles definen o marco instrumental da orientación laboral.



O tema 11 “O traballo do orientador laboral I. Intermediación Laboral” comezou cos modelos de intervención, o marco metodolóxico de intervención en España e as tendencias actuais da orientación na Unión Europea. Destacou as metodoloxías de intervención, os principios nos que debe basearse a orientación, o perfil profesional do orientador/a e as accións a realizar. Houbo un apartado específico para o traballo con aqueles colectivos que pola súa vulnerabilidade ou necesidades especiais demandan servizos e formas de actuar específicos, como as persoas con diversidade funcional.

O tema 12 “O traballo do orientador laboral II. Itinerarios de Inserción” céntrouse no modelo de orientacion laboral baseado en itinerarios de inserción. Definiu as características básicas desta metodoloxía, deu pautas para a súa elaboración (esquema, fases…) así como para o seu desenvolvemento e e avaliación.

A sesión presencial deste tema de Mª Teresa Deus Trasobares “O proceso de Orientación Laboral. Itinerarios personalizados de inserción laboral” destacou os conceptos da orientación laboral como porta de entrada ás políticas activas de emprego e dos itinerarios persoalizados de inserción como instrumentos para potenciar a empregabilidade. Para afianzar conceptos realizáronse na aula dous casos prácticos de diagnose e avaliación de itinerarios.

O Tema 13 “O traballo do orientador laboral III. Procesos individuais de orientación e axuda na toma de decisión” xirou arredor da entrevista de orientación (tipos, partes nas que se divide, funcións do entrevistador/a e entrevistado/a, regras de comunicación verbal e non verbal, recomendacións…). Tamén expuxo as especificacións dos procesos de selección por competencias e as características comúns e máis destacadas da orientación laboral por países na UE.

O Tema 14 “O traballo do orientador laboral IV: Análise de perfís profesionais e prospección de emprego” definiu as técnicas profesionais da análise de postos de traballo (como guiar á persoa usuaria, onde recoller información, análise funcional, competencias, traballo con grupos), a procura de información sobre novas profesións ou perfís e o concepto de prospección empresarial (fases, fontes de información, avaliación e seguimento).



A sesión presencial deste tema de Mª Teresa Deus Trasobares “Intermediación laboral e Prospección de empresas” revelou a utilidade da prospección de empresas e definiu a metodoloxía a seguir (análise do territorio, elaboración do catálogo de servizos, determinación do target, selección-reclutamento de empresas, información sobre as seleccionadas, contacto, preparación da visita, contacto presencial, rexistro de información, seguimento de acordos e fidelización). A sesión rematou cunha dinámica por grupos na que se puxeron en práctica os consellos e instrumentos de prospección.

O Tema 15 “O traballo do orientador laboral V: Técnicas e ferramentas para o acceso ao emprego e o autoemprego” examinou as estratexias e instrumentos de procura de emprego (canles en función do usuario/a, ferramentas tradicionais, como o curriculum e a carta de presentación, e innovadoras como o videocurriculum e as relacionadas coa contorna 2.0). Definiu os tipos e características dos procesos de selección, entrevistas e probas (psicotécnicos, dinámicas grupais); a xestión da rede de contactos e os recursos para o autoemprego en Galicia.


A sesión presencial deste tema de Mª Teresa Deus Trasobares “O proceso de Orientación Laboral: Dinámicas Grupais” introduciu o concepto de técnicas de discusión verbal, detallando tipos e características destas dinámicas grupais de selección (o foro, a mesa redonda, o debate, o panel, a tormenta de ideas), actitudes valoradas durante a súa realización e consellos e orientación sobre que buscan os seleccionadores/as con estes instrumentos.

O tema 16 estivo adicado á elaboración do plan de empresa. A primeira parte, “A Elaboración do plan de empresa. Parte 1: O plan de empresa”, serviu para comezar a definir a estrutura básica deste documento. Centrouse no estudo de mercado, na análise DAFO do negocio, nas variables da mercadotecnia, na segmentación do mercado, na estratexia comercial e na previsión de vendas. Como complemento, a sesión presencial de Fernando Agulló “A elaboración do plan de empresa” tivo como obxectivo aprender a redactar de forma abreviada o plan de empresa, sen o estudo de viabilidade. Nesta sesión realizouse unha exposición de contidos centrados nun caso práctico e afianzáronse coñecementos mediante un traballo de simulación que foi exposto na clase. 



A segunda parte do Tema 16 “A Elaboración do plan de empresa. Parte 2: Análise económico - financeira. Estudo de viabilidade” detallou como realizar o estudo económico-financieiro. Expuxo técnicas de análise financieira -o balance- (de análise, gráficas, numéricas e de ratios) e de análise económica -a conta de perdas e ganancias- (de análise, gráficas, numéricas, por porcentaxes e índices, de ratios, VAN e TIR, punto morto e limiar de rendibilidade). Completouse con outra sesión presencial de Fernando Agulló “A elaboración do plan de empresa (Parte 2): análise de viabilidade” que, analizando o caso dunha cooperativa de traballo asociado e mediante un novo traballo de simulación, especificou como coñecer e analizar a viabilidade dun proxecto empresarial.

Para saber máis:

No hay comentarios:

Publicar un comentario