sábado, 18 de julio de 2015

CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE

Extractos do relatorio "Certificación e Competencias" de Ana Ferreiroa Dobarro no Posgrado de Especialización en Orientación Laboral (CIXUG-Universidade da Coruña). 3 de xullo de 2015.

OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE




O obxectivo que desenvolvemos nesta sesión foi:
  • Adquirir a capacidade de informar e orientar aos nosos usuarios/as sobre o novo marco de competencias profesionais, vías de acceso e os mecanismos para a obtención de competencias clave e certificados de profesionalidade.

Principios do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP)


O relatorio comezou coa referencia ao Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, instrumento do Sistema Nacional das Cualificacións e Formación Profesional que ordena as cualificacións profesionais susceptibles de recoñecemento e acreditación. Foi creado pola Lei Orgánica 5/2002 e é a orixe de toda a actual estrutura de formación profesional, cualificacións e acreditación, que, a día de hoxe, está organizada en 26 familias profesionais e 5 niveis de cualificación (só os 3 primeiros desenvolvidos).

CONCEPTOS CLAVE


Que é unha cualificación profesional?

A cualificación profesional é o conxunto de competencias (coñecementos e capacidades) con significación para o emprego, é dicir, que permiten dar resposta a ocupacións e postos de traballo con valor no mercado laboral.

Na actualidade existen 664 cualificacións aprobadas en Consello de Ministros baixo a fórmula de Real Decreto e publicadas no Boletín Oficial do Estado.

Como se estrutura unha cualificación profesional?
Cada cualificación divídese en unidades de competencia, que son o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. As unidades de competencia subdivídense en realizacións profesionais, comportamentos obxectivables polas súas consecuencias ou resultados, para considerar competente a persona nesa unidade. Cada realización profesional desglósase en criterios de realización que expresan o nivel aceptable de realización profesional para satisfacer os obxectivos das organizacións produtivas.

Como acadar unha cualificación profesional?

As cualificacións profesionais poden ser adquiridas mediante formación modular ou outros tipos de formación, así como a través da experiencia laboral.
  1. Vía do sistema educativo. Títulos de formación profesional.
  2. Vía do sistema de formación para o emprego. Acreditacións parciais ou totais das cualificacións: certificados de profesionalidade.
  3. Vía do recoñecemento da experiencia profesional: procedemento de acreditación da experiencia laboral e a aprendizaxe non formal. Acreditacións parciais ou totais das cualificacións: certificados de profesionalidade.
Que é un certificado de profesionalidade?
Os certificados de profesionalidade son unha acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional no ámbito da administración laboral, con independencia de como se teñan adquirido. Estrutúranse en dous grandes bloques: o que reflicte o referente profesional (descrición da ocupación) e o que define o referente formativo (descrición da acción formativa que capacitaría para o desempeño da ocupación).

O conxunto de certificados de profesionalidade ordenados por familias profesionais e de acordo aos niveis da cualificación que neles se inclúen constitúen o Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.


Cal é a súa finalidade?
  1. Acreditación de competencias logradas por accións de: formación, a experiencia laboral ou outras vías non formais de formación.
  2. Establecen contidos formativos regulados por Real Decreto e definen as competencias profesionais características das ocupacións e o contido da formación asociada a elas.
Teñen validez en todo o estado español e os reais decretos polos que se establecen recollen información importante como os requisitos para o exercicio profesional no caso de que os houbese (carnés ou acreditacións requiridos para a actividade profesional).

Real Decreto 34/2008
No ano 2008 produciuse unha importante reforma a través do Real Decreto 34/2008. Esta norma introduciu modificacións significativas como a estrutura modular para os novos certificados que deu pé, por exemplo, ás convalidacións e correspondencias cos títulos LOE.

Neste momento encóntranse coexistindo os certificados antigos (publicados con anterioridade a setembro de 2008) cos actuais, desenvolvidos no Catálogo Nacional de Cualificacións.

O sistema de formación para o emprego: Requisitos de acceso do alumnado
Existe unha diferenciación entre os requisitos de acceso do alumnado según estemos a falar de certificados novos ou anteriores a 2008:
  • Nos certificados vellos: os requisitos figuran no programa formativo.
  • Nos certificados novos: Hai tres niveis de acceso (dous con requisitos académicos mínimos). Nivel 1: non se precisan estudos mínimos. Nivel 2: ESO ou equivalente. Nivel 3: Bacharelato ou equivalente. Desde este PDF poderás coñecer toda a información relativa aos requisitos de acceso.

O sistema de formación para o emprego: Requisitos do profesorado
Os requisitos dos formadores/as refírense a tres aspectos que deben cumprir: titulación, experiencia profesional e acreditación da competencia docente. Igual que no caso do alumnado, existe unha diferenciación entre os vellos e os novos certificados:
  • Nos certificados vellos: Establécense os mesmos requisitos para todos os módulos formativos.
  • Nos certificados novos: Existen requisitos específicos para cada módulo formativo.

Normativa reguladora

  • Real Decreto 34/2008, de 18 de enero, polo que se regulan os certificados de profesionalidade
  • Modificación do Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade (RD, 1675/2010, de 10 de decembro)
  • Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro 
  • Orde ESS/1897/2013 do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro 
  • Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional, e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia 

Recoñecemento da experiencia profesional
O 17 de xullo de 2009 aprobouse o Real Decreto 1224/2009 polo que se establece o procedemento e os requisitos para o recoñecemento da experiencia profesional. O obxecto deste procedemento, composto por un conxunto de actuacións dirixidas a recoñecer e avaliar, é a acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais.

Para iniciar o procedemento non se esixen requisitos académicos ou competencias clave. Os candidatos/as deben posuír formación non formal, experiencia profesional ou unha combinación de ambas nos últimos 10 anos.

Na nosa comunidade podemos acceder a través das convocatorias que se realizan cada ano desde a Consellería de Traballo e Benestar ou desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nos seguintes enlaces poderedes obter toda a información das últimas convocatorias:


Como se estrutura o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou/e  formación non formal?

O procedemento iníciase a solicitude da persoa interesada que debe realizar a súa inscrición (previa convocatoria no DOG). Logo pasará por tres fases:

  1ª fase de asesoramento
  2ª fase de avaliación
  3ª fase de acreditación da competencia profesional

Se o resultado é favorable o último paso que se realiza é o rexistro das acreditacións: certificado de profesionalidade completo ou unidades de competencia.

 Como curiosidade suliñar que en Galicia non se realiza observación directa no posto de traballo.


Achegamos un vídeo para aclarar os conceptos principais:
 


CONCLUSIÓNS FINAIS

O relatorio de Ana Ferreiroa finalizou cun caso práctico sobre o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, unha vía de acreditación que pode ser dificultosa desde o punto de vista burocrático (convocatorias, papeleo, entrevistas...) pero que na maioría dos casos depara resultados moi beneficiosos para a persoa interesada.

Desde o noso punto de vista foi moi interesante contar cunha experta que traballou como xefa de grupo na elaboración da familia profesional marítimo-pesqueira do CNCP, e na elaboración dos certificados de profesionalidade e que, na actualidade, desenvolve o seu traballo no procedemento do recoñecemento da experiencia profesional, como técnica do Instituto Galego das Cualificacións porque nos relatou a súa experiencia de primeira man. Estes foron os dous aspectos que tocou na súa charla: os certificados de profesionalidade e o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional.


Para saber máis:


Atoparás todo no Storify deste día:


No hay comentarios:

Publicar un comentario